Un home acoitela a unha muller en Vimianzo e dáse á fuga


  • A vítima, de 48 anos, está en estado crítico
  • O agresor deuse á fuga na súa furgoneta

Á primeira hora da mañá un home de 41 anos feriu de gravidade a unha muller de 48 na localidade de Vimianzo, na provincia da Coruña.

Segundo varias testemuñas, o home presentouse cun coitelo nas oficinas de Unións Agrarias, lugar onde traballaba a vítima. Despois dunha forte discusión, o agresor cravoulle un coitelo no pescozo e fuxiu na súa furgoneta.

A muller foi levada de urxencia a un centro de Atención Primaria da zona, desde onde a evacuaron en helicóptero ata o Hospital Clínico en Santiago de Compostela. Ao parecer atópase en estado crítico, pero estable.

Ambos son moi coñecidos no municipio de Vimianzo. A vítima, Montserrat López leva moitos anos traballando nas oficinas de Unións Agrarias, e o agresor, Javier Miñones, que é fontaneiro e actor, xa se presentara como candidato á alcaldía de Vimianzo hai 4 anos por Compromiso por Galicia. Os dous foron parella e teñen fillos, aínda que non en común.

A Policía Xudicial está a investigar os feitos, sen descartar que se trate dun posible caso de violencia machista, mentres que a Policía Nacional e a Garda Civil activaron un amplo dispositivo para localizar ao agresor.

O alcalde de Vimianzo, Manuel Antelo, expresou a súa solidariedade coa vítima, cos seus fillos e con toda a súa familia. A corporación convocou unha sesión extraordinaria do Pleno do Concello ás 13:30 h. para condenar a agresión. Tamén se convocará unha concentración de repulsa á agresión e de apoio a Montse e á súa familia para hoxe, ás 20:00 h. na Praza do Concello de Vimianzo.