Un home matou a súa muller pasadas as nove da noite do sábado nunha parroquia do concello lugués da Pastoriza e despois quitouse a vida. Todo aconteceu na vivenda onde residía o matrimonio, duns 80 anos de idade, na parroquia de Crecente.
Hortensio Onega, en medio dunha discusión coa súa muller, Manuela Iglesia, propinoulle un forte golpe na cabeza, que lle causou a morte, na cociña do domicilio.
Ao decatarse do que fixera, suicidouse botándose pola ventá do piso superior.
Os primeiros datos sobre o que semella ser un novo asasinato machista indican que foi unha neta do matrimonio, residente na mesma vivenda, quen atopou á muller asasinada.
Dende poucas horas despois sucedéronse as mostras de dor e condena, comezando polo propio Concello da Pastoriza, que decretou dous días de loito oficial. A Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta tamén emitiu este domingo un comunicado de condena, que lembra as vías para a denuncia da violencia de xénero, como os teléfonos 016 e 900 400 273.