Os Bombeiros de Arteixo localizaron esta mañá o corpo sen vida desta persoa no interior dunha vivenda situada no lugar de Rañobre, na parroquia de Oseiro, en Arteixo, tras producirse un incendio.
O 112 Galicia tivo constancia do suceso ás 07:15 horas, a través dunha chamada da Garda Civil. Segundo a información facilitada aos xestores de emerxencias, estaba ardendo unha vivenda na que podería haber persoas no interior.
De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia pasouse aviso aos Bombeiros de Arteixo, ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Policía Local e a Protección Civil.
Pouco despois, os efectivos desprazados ao lugar comunicaron que o incendio estaba controlado e que continuaban cos labores de refrixeración e coa retirada de escombros na estancia onde se iniciara o lume.
Foi durante estas tarefas cando os bombeiros localizaron o corpo sen vida dunha persoa no interior da habitación.
