Un home perdeu a vida este domingo tras ser rescatado da auga inconsciente na Praia de Somorto, no concello coruñés de Muros. Segundo indicou o 112 Galicia, unha persoa particular poñíase en contacto coa central de emerxencias para solicitar axuda para un home que acababan de rescatar da auga inconsciente. Xa en terra, explica o 112, comezaron a practicarlle as manobras de reanimación e Urxencias Sanitarias de Galicia-061 enviou ata o punto un equipo a bordo do helicóptero medicalizado. Coa aeronave pousada no mesmo areal, as manobras de reanimación do equipo médico finalizaron sen éxito e nada se puido facer por salvarlle a vida. Ademais dos sanitarios, ata o lugar desprazouse o GES de Muros, a Policía Local e a Garda Civil. A autopsia determinará con máis claridade as causas da morte deste home.
33