Un home mata o seu sobriño de tres anos en Santiago

Imaxe dunha ambulancia 061

Un home de 39 anos estrangulou ata a morte ao seu sobriño de tres, os feitos coñecéronse preto das 8 da tarde deste luns. Ocorreron cando ambos se atopaban sós nun domicilio situado no barrio de Santa Clara, nunha vivenda da rúa Loureiros, en pleno centro histórico.

O presunto responsable dos feitos, que foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago, tería asfixiado ao pequeno, segundo informaron fontes da investigación, aínda que a autopsia será a que determinará a causa do deceso do menor.

No lugar montouse un gran dispositivo policial e ao mesmo desprazouse unha xuíza e unha ambulancia con persoal sanitario, que só puido certificar o falecemento do pequeno. Os efectivos sanitarios tiveron que prestar asistencia tamén a familiares da vítima mortal, entre elas a nai do neno que sufriu un shock tras decatarse do acontecido.