Un home de nacionalidade portuguesa perdeu a vida este luns, no concello ourensán de Oímbra, ao saírse da vía co tractor que manexaba e quedar atrapado baixo o mesmo nunha gabia.
O 112 Galicia recibiu a chamada dos servizos sanitarios que daban o aviso do accidente de tractor no lugar de Rabal, nas proximidades do antigo campo de fútbol. Así, na comunicación solicitábanse medios de rescate debido a que o condutor do vehículo agrícola estaba atrapado debaixo.
Nese momento, os operadores do CIAE-112 Galicia recolleron todos os datos e transmitíronllos aos Bombeiros de Verín e aos axentes da Garda Civil.
Xa no lugar dos feitos, o persoal sanitario tan só puido certificar o falecemento da vítima para cuxo rescate a dotación de Bombeiros necesitou o apoio dunha grúa pluma, co fin de poder retirar o tractor da cuneta.
