As lapas consumiron por completo a estrutura dun establecemento hostaleiro no lugar de Rebordelo, no termo municipal coruñés de Boiro. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.
Varios particulares chamaron ao 112 Galicia para informar dos feitos. Segundo o relato das testemuñas do suceso, víase saír fume do interior dun restaurante localizado na estrada que une as localidades de Boiro e Cabo de Cruz. No momento do incidente, o establecemento atopábase pechado ao público.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Boiro e de Ribeira, dos axentes da Policía Local e dos membros do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade. Igualmente, pasouse aviso aos profesionais sanitarios por se nalgún momento fose precisa a súa intervención.
Unha vez no lugar, os efectivos do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento atallaron as lapas e confirmaron que ninguén resultou ferido. A labor de extinción do incendio estendeuse durante máis de tres horas.