Unha casa deshabitada situada na Avenida de Sabardes, no concello coruñés de Outes ardeu por completo sen que, polo momento, se coñezan as causas que orixinaron o lume. Tratouse dunha casa de planta baixa cuxo teito era de madeira e da que unicamente se salvaron as catro paredes.
Así o indicaron os Bombeiros de Boiro tras dar por finalizadas as tarefas de extinción. Ademais, confirmaron que, afortunadamente, as chamas non afectaron a outra casa lindeira e que si estaba habitada. O que si se viu afectado foi o cableado do exterior do inmoble queimado quedando descolgado sobre a beirarrúa e entre a maleza da leira de á beira. Por iso, desde o 112 Galicia informouse enseguida ao persoal da compañía eléctrica que abastece a zona.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do incendio ao fío das 05:00 da madrugada. Foron varios particulares os que chamaron, a esa hora, ao 112 Galicia para pedir axuda. Aseguraban que ardía unha casa deshabitada no Freixo de Sabardes pero que non había persoas afectadas. Con estes datos, os xestores do 112 puxeron en alerta aos Bombeiros de Boiro e aos membros do GES de Muros, que enseguida se desprazaron ao lugar. Do mesmo xeito, informaron da situación á Garda Civil, Policía Local e aos efectivos de Protección Civil da localidade.