Un incendio destruíu cinco vehículos no interior dun alboio en Santa Comba


O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás dúas desta pasada madrugada mediante as chamadas de alerta dos veciños.

Segundo explicaron, por máis que o intentaron, non conseguiron avisar os donos, que permanecían no interior da casa alleos a canto acontecía. De feito, foi a propia distribución da vivenda o que mantivo illados os propietarios e tamén a salvo do lume, que se producía nunha construción lindeira. En concreto, un alboio que facía as veces de garaxe, onde gardaban diversos vehículos e maquinaria.

Para facer fronte ás chamas, o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos Bombeiros de Santa Comba, que logo controlaron o incendio sen producir danos persoais. Iso si, os danos materiais foron cuantiosos, pois perdéronse cinco vehículos, dous coches, un quad, unha bicicleta e unha moto. Tamén diversa maquinaria, como, por exemplo, unha formigoneira. 

Cómpre indicar que os bombeiros contaron coa colaboración dos membros do servizo municipal de Protección Civil, así como dos axentes da Garda Civil.