Un incendio industrial calcina cinco naves en Mos

2 minutes read

A Xunta activou este domingo o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) no nivel 1 a causa do incendio no Polígono Industrial de Rebullón, no concello de Mos. A esta hora, o incendio dáse por controlado e afecta a un total de cinco naves, sen que se rexistraran danos persoais.

A activación deste Plan, neste nivel, supón a mobilización de recursos de ámbito local ou supralocal para facer fronte a esta situación de risco e garantir a coordinación entre os organismos mobilizados. Deste xeito, un amplo operativo foi posto en marcha para controlar a extensión dos danos e establecer un perímetro de seguridade.

Ás 04:15 horas, o 112 Galicia recibiu un aviso da Garda Civil alertando dun incendio nunha nave do polígono adicada ao mantemento de maquinaria da madeira. Ademais, comezou a recibir numerosas chamadas de persoas particulares que informaban de ver saír lume dunha nave do mesmo lugar.

Nada máis ter constancia dos feitos, púxose en marcha un amplo dispositivo para facer fronte ás lapas no que interveñen os Bombeiros de Morrazo, Porriño, Ribadumia e Vigo e os membros do GES de Mos e Val Miñor.

Tamén, no punto, atópanse os membros do Grupo de Apoio Loxístico da AXEGA, que mobilizou unha cisterna cunha capacidade de 25.000 litros para subministrar auga aos medios desprazados e a Unidade de Drons, dotacións do Servizo Provincial de Incendio, así como, os axentes da Garda Civil, Policía Nacional e Local e as autoridades medioambientais da Xunta de Galicia.

Cómpre sinalar que, aínda que, afortunadamente, non hai que lamentar danos persoais, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foron informados, por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención.

Ao mediodía deste domingo a boa evolución do incidente permitiu retirar dunha forma coordinada varias dotación dos servizos de emerxencias desprazados ata o punto. Así pois, no lugar da intervención continúan os profesionais dos parques de bombeiros do Porriño e de Ribadumia e os membros dos GES de Mos.

Segundo as últimas informacións recollidas no 112 Galicia, cinco naves arderon na súa totalidade a consecuencia do incendio ,arestora, os servizos de emerxencia realizan un arrefriamento perimetral da zona afectada.