Un incendio no Hospital de Conxo obriga a desaloxar parte do edificio


Un incendio que comezou ao parecer nun almacén de roupa situado no soto do hospital santiagués de Conxo provocou unha gran fumareda na zona de consultas externas, nas proximidades da entrada principal do edificio. Centos de persoas foron desaloxadas en cuestión de minutos e todo quedou nun susto. Non houbo que lamentar danos persoais. Os afectados din que, logo da alarma inicial, só sufriron lixeiras molestias polo fume. Despois de controlar o lume, os bombeiros de Santiago procederon a ventilar as zonas afectadas. Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose a situación en coñecemento dos Bombeiros de Santiago e da Agrupación de Protección Civil da localidade. Para garantir as condicións de seguridade nas vías de acceso ao edificio, desde o 112 solicitouse tamén a colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local.