Un incendio nun piso de Santiago sáldase con 11 persoas atendidas polo persoal sanitario, 4 delas trasladadas

Un incendio declarado esta madrugada nunha vivenda da rúa Santiago de Chile, en Santiago de Compostela, obrigou á intervención dos servizos de emerxencias e deixou un balance de 11 persoas atendidas, 4 delas trasladadas ao Hospital Clínico Universitario.

O 112 Galicia recibiu o aviso ás 06:20 horas, cando o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 informou dun frigorífico ardendo nun piso do terceiro andar.

Ata o lugar desprazáronse os Bombeiros de Santiago, axentes da Policía Nacional e Local e efectivos de Protección Civil. Minutos despois do primeiro aviso, varios veciños chamaron ao 112 Galicia ao verse atrapados nas súas casas pola presenza de fume nas escaleiras. Ademais, outros optaron por desaloxar o inmoble de maneira preventiva.

Unha vez controlado o incendio e ventilado o edificio, todos os residentes puideron regresar ás súas vivendas.

Segundo confirmaron os Bombeiros, o lume tivo a súa orixe na cociña da vivenda afectada, que ardeu por completo, mentres que o resto da casa sufriu danos polas altas temperaturas.

No operativo sanitario, 11 persoas recibiron asistencia no punto e, finalmente, 4 delas foron evacuadas ao hospital.

Related posts

A Deputación da Coruña recibe máis de 330 solicitudes nas convocatorias de axudas de Política Social

UCIN Santiago propón a creación do Axente Cívico para mellorar a convivencia en épocas de alta afluencia turística

Presentadas oito ofertas para executar as obras da nova senda peonil e ciclista na AC-552, entre Arteixo e Lañas