Os Bombeiros de Carballo extinguiron un incendio que tivo lugar nun silo da fábrica de materiais de construción Cerámica Campo, localizada no Polígono de Lendo, no concello da Laracha, sen que se rexistrasen danos persoais.
Ocorreu ao fío das 22:20 horas da noite deste luns, tal e como indicou unha persoa particular que alertou mediante unha chamada ao 112 Galicia. Durante a súa comunicación, indicaba que, cando se desprazaba pola AG-55, viu como saía fume dunha fábrica da zona.
Con esa información, os xestores do 112 pasaron aviso aos Bombeiros de Carballo, á Garda Civil, ao servizo de mantemento das estradas e, por precaución, tamén ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que non foi precisa a súa intervención.
O equipo de extinción fixo fronte ao incendio, que consumiu o carbón almacenado nun silo exterior.
Cómpre indicar que o 112 Galicia tamén deu conta dos feitos ás autoridades medioambientais da Xunta de Galicia e aos efectivos de Protección Civil da localidade.
0