16
O lume produciuse pasados uns minutos das 11:30 horas deste luns na cervexería O Sampaio, situada no centro de Arteixo nunha rúa lindeira coa avenida de Fisterra. Os bombeiros e a Policía Local de Arteixo ordenaron o desaloxo de dous edificios, concretamente o 1 e o 3 da rúa Alfredo Brañas, debido a gran columna de fume que saía do interior do local de hostalería, aínda que ningún dos dous inmobles se viu afectado. Finalmente, as persoas desaloxadas puideron volver ás súas casas, mentres os bombeiros realizaban labores de arrefriado e ventilación no interior da cervexería. Un dos traballadores sufriu inhalación de fume polo que foi atendido polos equipos sanitarios.