Un veciño da parroquia da Armenteira, localizada no concello pontevedrés de Meis, tivo que ser evacuado polos profesionais sanitarios na madrugada deste sábado tras declararse un incendio no seu domicilio.
Segundo a información facilitada polos Bombeiros de Ribadumia ao 112 Galicia, as lapas comezaron na cociña da vivenda e o fume acabou afectando ás demais estancias. Foi necesaria a intervención dos efectivos do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento para abrir a porta do inmoble e, así, facilitar a atención do afectado por parte do equipo médico.
De acordo co persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o varón precisou ser estabilizado antes de ser evacuado ao Hospital Montecelo para continuar co tratamento necesario.
O 112 Galicia recibiu a chamada dun servizo de atención a persoas dependentes indicando que non eran capaces de contactar cun usuario do lugar de Gondes. Ante os intentos falidos de comunicación, solicitaban a intervención dalgún equipo de emerxencia que puidese comprobar o estado da persoa en cuestión.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos axentes da Garda Civil, que acudiron á vivenda e constataron a presenza de fume no interior da mesma.
Ao recibir esta información, desde o 112 pasouse aviso decontado ao equipo de urxencias médicas e aos Bombeiros de Ribadumia.
Unha vez rematada a intervención, os equipos de emerxencia confirmaron ao 112 que se tratou dun incendio e que un varón foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.