- O incidente tivo lugar ás 4:30 h no lugar pontevedrés de Cabeza de Boi e o lume calcinou por completo a primeira planta da nave
Un incendio declarado na madrugada deste venres nunha nave dedicada á explotación de polos, localizada no concello pontevedrés de Meis, calcinou por completo a primeira planta do inmoble e o tellado provocando a morte de todos os polos que estaban no seu interior, que se cifraban en 17.000.
O incidente tivo lugar ás 4:30 horas no lugar Cabeza de Boi. A esa hora, o 112 Galicia recibía a chamada dos axentes da Garda Civil que alertaban dun lume nunha granxa de explotación de polos na parroquia da Armenteira.
Decontado, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) pasouse aviso aos Bombeiros do Salnés, aos voluntarios de Protección Civil da localidade e ao persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, por se fose precisa a súa intervención nalgún momento.