Os equipos de extinción da propia refinería foron suficientes para facer fronte a este incendio sen danos no exterior. Con todo, a Axencia Galega de Emerxencias, a través do seu xerente, Marcos Araújo, mantivo comunicación constante cos responsables da planta co obxectivo de coñecer a evolución do incendio e activar os medios e recursos necesarios se fose o caso.
De feito, desde o 112 Galicia, enviáronse avisos aos Bombeiros da Coruña e Arteixo, así como a agrupacións de Protección Civil e axentes das forzas e corpos de seguridade co fin de mantérense en situación de prealerta no caso de que houbese necesidade dunha intervención exterior que nunca chegou. Tamén, informouse aos responsables de organismos locais, provinciais e autonómicos; e o responsable provincial de Protección Civil desprazouse ao lugar para observar de primeira man a evolución dun incendio sen danos persoais nin no exterior das instalacións.
Segundo os datos recollidos no 112 Galicia, o lume comezou nunha unidade de cru por mor dun problema no sistema de bombeo. Ademais, o incendio desviouse a unha das torres, o que alarmou a algúns veciños que contactaron co 112 Galicia para saber que ocorría.
Por fortuna, ninguén resultou afectado e os medios internos da refinería foron suficientes para controlar a situación. De momento, durante horas continuaron arrefriando, pero o incendio está en vías de extinción, polo que foi desactivada a alerta interna.