Un incendio provoca danos materiais nunha nave de serraduras en Vilamarín

Axencia Galega de Emerxencias 112
  • Varios particulares alertaron do fume ao 112 Galicia preto das 21:00 horas do pasado mércores

Os servizos de emerxencia extinguiron na madrugada deste xoves un incendio que afectou a unha nave industrial situada no Polígono de Tamallancos, no concello ourensán de Vilamarín.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos membros dos equipos de extinción, arderon serraduras e algunhas chapas do tellado foron afectadas polas lapas sen, afortunadamente, causar ningún dano persoal.

O incendio comezou preto das 21:00 horas do mércores e foron varios particulares os que alertaron ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de que se vía saír lume polo tellado dunha fábrica de serraduras próxima á N-525.

Tras ser alertados polos xestores do 112 Galicia, ata o punto desprazáronse varias dotacións de extinción. O operativo contou coa intervención dos Bombeiros de Carballiño, ademais do GES de Ribadavia, Protección Civil de Carballiño e de Vilamarín e Distrito forestal da zona.

Ás 2:30 horas desta madrugada, os efectivos do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento confirmaron que o lume quedaba controlado e que os equipos de intervención quedaban no punto refrixerando a zona, dando por rematados os traballos de extinción preto das 05:00 horas.