Unha casa ardeu na rúa do Medio, en Santiago. O incendio afectou a todo o inmoble. Non houbo que lamentar ningún ferido.
As chamadas de varios particulares alertaron ao 112 Galicia dun edificio en chamas. No momento do incendio, a porta estaba aberta e había xente fóra da vivenda, pero alertouse de que se trataba dunha casa okupada e que poderían quedar persoas dentro, o que finalmente foi descartado.
Algúns dos veciños trataron de apagar as lapas dende as casas contiguas, sen éxito. Foron os Bombeiros de Santiago os encargados de extinguir o lume e valorar os danos que este producira na vivenda, de tres plantas que arderon por completo. Tamén se viu afectado o xardín. A gran cantidade de colchóns e útiles de madeira no seu interior contribuíron á rápida propagación das lapas. Ademais, ningún outro inmoble se viu afectado.
Informouse a profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por se fose necesaria a súa intervención. Tamén participaron na operación axentes da Policía Nacional e Local, así como os efectivos de Protección Civil de Santiago, que colaboraron cos Bombeiros achegándolles auga para hidratarse.