A proximidade entre un colchón e un radiador provocou un incendio no interior dunha vivenda en Santiago de Compostela. Malia a que o lume chegou a alcanzar unha significativa parte da estancia, afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais nin tampouco evacuar aos ocupantes das demais vivendas.
Un veciño chamou ao 112 Galicia para dar conta dun incendio no interior dun piso situado na Rúa do Campo de Santa Marta. Alí acudiron os Bombeiros de Santiago para sufocar o lume que calcinou o colchón e ventilar o inmoble, que se viu bastante afectado pola acumulación de fume.
Segundo a información facilitada ao 112, o equipo de extinción tivo que acceder á vivenda por unha fiestra para sufocar as lapas. O incendio foi orixinado nun colchón que estaba pegado a un radiador.
Ata o lugar dos feitos desprazáronse os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por se fose necesaria a súa intervención. Tamén interviñeron os axentes da Policía Nacional e Local e desde o 112 avisouse aos voluntarios de Protección Civil da cidade.