Humberto era un home feliz, á súa maneira, tras unha vida axitada e pouco fácil, a casualidade quixo que recaese en Carballo, onde non foi quen de adaptarse á vida social que lle ofreceron ata a data desde distintos estamentos, rexeitando a axuda en todo momento ata o punto de sentirse máis cómodo vivindo na rúa. Humberto, de procedencia portuguesa, chama poderosamente a atención ao elixir a súa “morada” nun dos puntos máis céntricos e transitados do centro urbano carballés, á altura do número 22 da rúa Vázquez de Parga, máis concretamente nos soportais que sitúan no baixo comercial ao supermercado Familia. O concello de Carballo tentou, ata o momento sen éxito, negociar con Humberto o abandono do seu propósito de situarse e mendigar no punto. Foi advertido en varias ocasións pola Policía Local da ilegalidade que estaba a cometer, pero de momento nada lle fixo cambiar de opinión. A vida na rúa deste indixente daba un revés o pasado martes, Humberto era advertido pola Policía Local que esa mesma noite seríalle retirado polo punto limpo móbil o colchón no que se establecía na rúa que por misericordia un veciño lle cedera. Así foi, ás seis da mañá deste mércores Humberto quedou sen colchón, afirma que foi unha acción que o deixou nunhas condicións moi malas, ” arrinconado e triste”. A situación parece non ter unha solución fácil, aínda que a lei é clara, haberá que esforzarse máis entre todas as partes que teñen competencias no tema, pero tamén polo propio Humberto, para tratar de revertir esta calamidade.

