Un informe encargado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ao servizo de Asesoría Xurídica da institución provincial co obxectivo de aclarar se os traballos de desinfección e limpeza dos colexios corresponden á administración autonómica ou aos concellos, despois de que moitos alcaldes e alcaldesas trasladaran á Deputación numerosas queixas por ter que estar asumindo este labor, que supón un importante sobrecuste para as economías municipais.
“Para os concellos, asumir a desinfección dos colexios varias veces ao día e incrementar as plantillas de persoal do servizo de limpeza supón un gasto moi importante”, afirmou o presidente da Deputación, que destacou que “o informe aclara que, unha vez máis, os concellos estamos asumindo unha competencia que non nos corresponde” e pediu á Xunta “apoio económico” para que os municipios podan desenvolver estas funcións “coas máximas garantías”.
O informe, que xa foi remitido aos concellos da provincia, sostén que “as medidas preventivas necesarias, ante un risco inminente e extraordinario para saúde, a fin de previr e controlar a enfermidade transmisible Covid-19, son competencia da autoridade sanitaria autonómica e, polo tanto, a súa execución corresponde a ésta”.
Asemade, o documento subliña que se a Xunta “optara por ampliar as competencias sobre conservación e mantemento de centros escolares – coa inherente carga financeira que conlevaría-, debería pór ao dispor dos concellos a correspondente provisión de medios económicos para o exercicio da mesma, de conformidade cos artigos 7 e 27 de Lei de bases de Réxime Local”.
“En modo algún pode encomendarse ás entidades locais novas funcións e responsabilidades na conservación e mantemento dos centros escolares, que son de titularidade autonómica, sen a correspondente consignación orzamentaria para financiar ditos gastos e sen a correspodente delegación de tal competencia, pois o contrario suporía unha vulneración da autonomía local constitucionalmente garantizada, así coma unha infracción da normativa básica estatal, en materia de Educación e de regulación das bases das entidades locais”, sostén o informe xurídico.
O informe da Deputación fai referencia ás distintas normativas estatais e autonómicas en materia de educación, sanidade e sáúde pública, e explicita que “o control atribuido aos Concellos debe encadrarse nunha función de vixiancia do municipio e a súa poboación, ao ser esta a administración de maior proximidade, pero en modo algún ese control pode implicar a adopción de medidas específicas, que van máis alá dunha limpeza ordinaria, as cales deben ser adoptadas e executadas pola autoridade sanitaria competente”.