O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o portavoz desta central no comité de empresa das fábricas de Cee-Dumbría, Alfonso Mouzo, esixiron á Xunta que «actúe» para evitar «a especulación» coa venda da sociedade Ferroatlántica SAU.
Un informe xurídico da Universidade da Coruña avala a obrigatoriedade da autorización administrativa por parte da Xunta de Galicia para a venda das plantas de Ferroatlántica de Cee e Dumbría.
Este estudo, solicitado polo sindicato CIG, recolle xurisprudencia que fai concluír que, se non conta coa autorización do Goberno autonómico, podería extinguirse a concesión das centrais hidroeléctricas do Xallas, en mans de Ferroatlántica.
Un dos argumentos apunta a que coa desvinculación das plantas desaparecería a causa da concesión, o que implicaría extinguila, reverter gratuitamente as instalacións á administración hidráulica galega e iniciar un novo procedemento de outorgamento, que se debería realizar en réxime de concorrencia. Nese suposto, Ferroatlántica só tería dereito a percibir unha compensación polas obras realizadas e non amortizadas.
Segundo este informe a normativa vixente esixe que a empresa concesionaria tamén sexa propietaria destes centros de produción. Calquera venda, segundo conclúe a análise, que ocorra sen a devandita autorización previa sería fraudulenta.