Un informe forense confirmaría que Pablo Neruda foi envelenado por orde de Pinochet

1 minutes read

É a conclusión á que chegou un grupo de expertos internacionais que presentaron un informe xudicial co resultado das súas investigacións. O medio chileno ‘El Ciudadano’ publicou unha filtración dunha fonte próxima á causa xudicial que confirmaría que un informe forense ratificaría o envelenamento do poeta cunha toxina botulínica.

En Santiago de Chile, a Corte de Apelacións ordenou reabrir a investigación da morte de Pablo Neruda, e instrúe que se interrogue ao médico Eduardo Arriagada Rehren, ex-xefe de Sanidade do Exército durante a ditadura.

O informe confirma o que xa se coñecía desde o 2017: que a causa da morte do premio Nobel de Literatura foi a cepa Alaskae43 de clostridium botulinum, cuxos restos foron achados nun molar do escritor.

A morte de Neruda ocorreu 12 días despois do golpe militar de Augusto Pinochet de 1973. O corpo do poeta foi exhumado no ano 2013 nun esforzo por aclarar catro décadas de sospeitas sobre como morreu nos días posteriores ao golpe militar de Chile.