Un investigador galego traballa nunha aplicación para detectar a COVID-19 a través da tose


Tan sinxelo como tusir e gravarse. A partir de aquí o traballo correspóndelle ao grupo de investigadores da Escola Politécnica Federal de Lausana, en Suíza, entre os que está o galego Tomás Teijeiro e que buscan a forma de detectar a COVID-19 a través da tose. O obxectivo, unha aplicación que previsiblemente estaría lista nun par de meses.

Non é a primeira vez que as gravacións de tose axudan a precisar o diagnóstico. Cóntanos Tomás que no pasado xa se utilizaron e con bastante fiabilidade para tuberculose e a tose ferina. Agora a gravación facémola nós.

O proxecto está en fase de recolección de datos e análise, e foi moi ben recibido pola comunidade sanitaria que lles proporcionou gravacións de toses confirmadas con coronavirus que lles serven de referencia para establecer os seus modelos.

Desde Suíza, aínda que con ganas de poder realizar proxectos coma este no país, este investigador de Castro de Rei convídanos a todos a que enviemos a nosa tose e contribuamos na fiabilidade e solidez da aplicación.