Un “kamikaze” morto e tres feridos, entre eles dous menores, tras colidir na A6 en Coirós


Un coche que circulaba en dirección contraria pola A-6, á altura do punto quilométrico 563, provocou un accidente mortal na noite deste sábado.

O condutor, e único ocupante do vehículo, faleceu tras colidir contra un turismo ao seu paso pola parroquia coruñesa de San Xulián de Coirós. Circulaba en sentido contrario fuxindo da Garda Civíl tras haber provocado outro sinistro na N-VI. Un dos implicados no accidente tivo que ser excarcerado polos bombeiros. Os outros tres feridos, entre eles dous menores, atopábanse liberados e accesibles e foron trasladados en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Poucos minutos antes das 23:00 horas, o 112 Galicia recibiu a chamada dunha persoa particular que informaba dun accidente entre dous coches na A-6, despois do desvío de Oza. No seu relato, indicaba que os vehículos obstaculizaban a estrada xa que un deles quedou atravesado e o outro envorcou tras recibir o impacto.

De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia puxeron en marcha un operativo que contou coa intervención do 061-Urxencias Sanitarias, dos Bombeiros de Betanzos, da Garda Civil de Tráfico e tamén do servizo de mantemento da vía.

Ao chegar ao lugar do sinistro, os membros dos servizos de emerxencias solicitaron o peche da vía para poder xestionar o traslado dos feridos e a retirada dos automóbiles. O tráfico puido ser restablecido ao fío das 3:00 horas da madrugada.

A pesar dos esforzos do persoal sanitario, só se puido confirmar o falecemento do condutor dun dos turismos.