Un lume devora 60 hectáreas en Arou, no concello de Camariñas

Lume en Arou_Concello de Camariñas

  • A voz de alarma deuse sobre as 12.00 horas deste luns, e o incendio quedou estabilizado arredor das 18.00 horas

Día complicado en Arou (Camelle), na localidade de Camariñas, tras activarse un incendio sobre as 12.00 horas deste luns que, segundo a última actualización da Consellería de Medio Rural (18.00 horas) quedou estabilizado tras queimar arredor de 60 hectáreas.

Segundo o Concello de Camariñas no operativo de emerxencias participaron cinco helicópteros, tres cuadrillas e cinco motobombas ademais dos axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil da localidade.

Corte de tráfico entre Arou e Santa Mariña

Con motivo do lume, e para evitar o tránsito de vehículos durante o traballo dos equipos de extinción, pasadas as 15.30 horas procedeuse ao corte de tráfico da estrada que une Arou con Santa Mariña (Xaviña), á altura da pista de Lobeiras.

Prohibidas as queimas agrícolas

O pasado venres Medio Rural comunicou a prohibición de queimas agrícolas e forestais de particulares ata novo aviso. Lembran ademais que a cidadanía pode chamar ao teléfono gratuíto 085 para informar deste tipo de incendios.