Un home perdeu a vida na mañá deste domingo como consecuencia dun incendio rexistrado na súa vivenda en Moeche.
Segundo informaron os Bombeiros do Eume, o lume tivo a súa orixe nunha manta eléctrica que acabou por prender no colchón, afectando á estancia na que se atopaba a vítima.
O 112 Galicia recibiu o aviso arredor das 11:40 horas, cando un familiar do falecido chamou tras acudir á casa, situada en Vilapedre, na parroquia de Labacengos, e atopala chea de fume. Na súa comunicación, xa advertía da posibilidade de que o octoxenario estivese no interior.
De inmediato, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Eume, ao GES de Ortigueira e á Garda Civil.
Unha vez no punto, os equipos de intervención localizaron a estancia afectada polo lume e confirmaron o falecemento do home.