O CCA de Carballo informaba na mañá deste sábado de que este venres 26 pola noite, a urna da Globoteca foi obxecto dun incendio que provocou a destrución da maior parte das papeletas depositadas ata o de agora nela.
Nese intre, descoñecíanse as causas do sucedido. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos maiores, xa que nin a urna nin o propio local da Globoteca —situado no baixo dunha vivenda entre as rúas Desiderio Varela e Colón— resultaron afectados na súa estrutura.
Desde o CCA lamentaban profundamente este feito incívico, e querían deixar claro que o acontecido non vai frear nin a ilusión nin a maxia que rodean estas datas tan especiais.
Por iso, animaban á veciñanza a seguir participando na campaña, solicitando as súas papeletas coas compras realizadas e depositándoas na urna, que permanecerá situada no seu lugar habitual. Así mesmo, tentarán recuperar o maior número posible de papeletas afectadas, que se sumarán ás que se vaian depositando ata o día do sorteo, que terá lugar en directo o 9 de xaneiro.
«Queda moita campaña por diante e moitas papeletas aínda por repartir. Que siga a ilusión», conclúen desde o CCA.
22