Un malpicano e unha carballesa, gañadores da Globoteca do CCA Carballo

Este venres 9 de xaneiro tivo lugar o sorteo da Globoteca do CCA Carballo, un espazo máxico situado entre as rúas Desiderio Varela e Colón que, desde o pasado 5 de decembro, encheu Carballo de globos, luces e ilusión durante toda a campaña de Nadal. Un proxecto que culmina repartindo alegría nos fogares de José Miguel Veiga Garrido (Malpica) e Vanesa Cabeza Barca (Carballo), as persoas gañadoras da edición deste ano.
O premio, valorado en 7.300 €, foi sorteado pasadas as 14.00 horas nun acto retransmitido en directo a través do Instagram do CCA Carballo. O sorteo contou coa presenza do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Regueira, o responsable de Feiras e Mercados, Ramón Varela, un representante da empresa carballesa Vázquez y Reino, patrocinadora da campaña de Nadal do CCA Carballo, e varios membros da directiva da asociación engtre os que se atopaban a presidenta Silvana Rama, e o secretario Sergio Soneira.
O rexedor municipal e o representante de Vázquez y Reino, foron os encargados de extraer os boletos gañadores, un traballo nada doado tendo en conta que na urna depositáronse máis de 95.000 boletos ao longo de algo máis dun mes, reflexo da excelente acollida da campaña e do apoio da cidadanía ao comercio local. Entre elas, atopábanse tamén as papeletas recuperadas do incendio sufrido o pasado día 26, que afortunadamente afectou a unha pequena minoría.
A esta horas, responsables do CCA Carballo xa se puxeron en contacto telefónico cos gañadores/as para comunicarlles a boa nova.
Nesta edición, os afortunados/as recibirán cadanseu talonario con 73 cheques nominativos, cun valor de 50 € cada un, para gastar nos comercios participantes na campaña de Nadal nun prazo máximo de seis meses (ata o 9 de xullo de 2026). Cada establecemento reservarase o dereito de solicitar o DNI da persoa titular. Así mesmo, os cheques non serán acumulables a outras campañas promocionais.
Como en anos anteriores, a campaña contou coa adhesión dunha ampla variedade de comercios de diferentes sectores, como alimentación, moda infantil, calzado, téxtil, deporte, decoración e fogar, electrodomésticos, entre outros, reflectindo a diversidade e fortaleza do tecido comercial de Carballo.
Desde o CCA queremos agradecer a colaboración de todas as empresas participantes, destacando, de maneira especial, a implicación de todos os consumidores e consumidoras que, unha vez máis, apostaron polo comercio local para realizar as súas compras de Nadal, contribuíndo a manter viva a economía e a vida comercial da vila e posicionando a Carballo no epicentro da actividade comercial da comarca.

Related posts

A Deputación da Coruña leva aos institutos da provincia a obra teatral “Papel 2.0” para previr o acoso escolar

A TVG rexistrou mínimos históricos de audiencia o pasado ano 2025

Feijóo, obrigado a recoñecer que mentiu ao asegurar que Mazón lle informou «a tempo real» o día da DANA