Un menor trasladado a causa dun incendio producido nunha vivenda en Santiago


O neno sufriu unha queimadura e foi trasladado polo persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Unha persoa particular foi quen contactou co 112 Galicia para pedir axuda. No seu relato indicaba que ardía un sofá nunha vivenda situada na Avenida de Lugo, en Santiago de Compostela. Aseguraba que todas as persoas estaban fóra do inmoble e que pecharan a porta.

Decontado, o 112 Galicia informou aos Bombeiros da cidade, á Policía Local e aos efectivos de Protección Civil.

Durante a comunicación tamén o persoal sanitario daba conta do mesmo incendio ao 112 Galicia, indicaban ademais que, ao haber veciños e nenos no edificio, posiblemente, se desprazara unha ambulancia ata o lugar, por se fose precisa a súa intervención.

De feito, unha vez no punto, os axentes da Policía Local informaban ao 112 Galicia de que un menor sufrira unha queimadura nunha perna, ao que trasladaría o persoal sanitario ao centro hospitalario de referencia.

Con todo, tras rematar a extinción, os Bombeiros confirmaron que ardera un salón onde había tres sofás, véndose a vivenda afectada polo fume e polas altas temperaturas acumuladas.