“Un mes e Pico” ofrecerá a posibilidade de baixar de balde ás covas do Pico Sacro


A programación de “Mes e Pico” arranca este sábado 21 de maio coa primeira das catro visitas teatralizadas que o grupo “Os Quinquilláns” farán ás 17:30 horas no propio Pico Sacro e que xirará sobre o mito da Raíña Lupa e o encanto do monte sacro. Seixo, un mouro, recibirá ás persoas visitantes e presentaralles á poderosa Raiña Lupa, que lles contará as probas que os discípulos do Apóstolo Santiago tiveron que pasar para converter Compostela nunha cidade e o Pico Sacro nun lugar lendario. As visitas están programadas para os días 21 e 29 de maio, así como o 5 e o 12 de xuño, ás 17:30 horas.

Paralelamente haberá visitas guiadas ao Pico Sacro o 28 de maio e o 19 de xuño, ás 12.00 horas, da man de Geotur. A diferencia das visitas teatralizadas, trátase de dúas viaxes á orixe xeolóxica do Pico Sacro, un fito xeolóxico e xeográfico únicos en Galicia. Xeograficamente, a súa forma picuda convérteno nun símbolo paisaxístico inconfundible en terras galegas. O seixo puro que o forma, no medio dunha terra de granitos, fai que a súa singularidade sexa moi especial. Ao igual que todas as actividades do ciclo “Mes e pico”, as visitas serán de balde, se ben o aforo será limitado polo que será imprescindible inscrición previa no Departamento de Turismo de Boqueixón.