Un milleiro de hostaleiros participaron nunha webinar sobre o Plan de Hostalería Segura


Máxima seguridade nos accesos aos establecementos; máximo seguimento e máximo control no cumprimento das normas vixentes. Estes son os piares sobre os que se asenta o Plan de Hostalería Segura que centrou o webinario celebrado coa hostalería galega e no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal.

O encontro, no que participaron preto dun milleiro de hostaleiros, estivo orientado a resolver dúbidas sobre o funcionamento do espazo web para os profesionais turístico, o Turespazo, e sobre os requisitos que os propietarios dos establecementos turísticos teñen que cumprir no marco do Plan de Hostelería Segura no que se refire a información, capacidade, rastrexabilidade e inspección.
A través de Turespazo os propietarios dos establecementos turísticos deben descargar os carteis que están obrigados a colocar nun lugar visible do acceso ao establecemento a partir deste venres. Neles deberá constar a capacidade máxima do local, a porcentaxe de uso e a capacidade máxima permitida en función das normativas sanitarias vixentes, tanto no que atinxe ao interior coma no exterior do local.

Nesta mesma web cada propietario tamén xerará o código QR do seu establecemento, que calquera usuario poderá escanear a través da aplicación PassCovid, rexistrando así a súa visita ao establecemento, de maneira opcional, pero colaborando con esta acción na rastrexabilidade dos posibles gromos que se poidan producir.