A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver a orde de axudas dirixida a entidades locais para a elaboración dos seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), unha ferramenta coa que planificar e adoptar medidas que apoien a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local. En total, son 187 os concellos que resultaron beneficiarios desta convocatoria, publicada o pasado mes de maio e en virtude da cal o Goberno galego repartirá 956.377,96 euros entre todos os adxudicatarios.
Trátase da primeira vez que a Xunta establece este tipo de incentivos para apoiar aos concellos, entidades supramunicipais e agrupacións de entidades locais que se atopen formalmente adheridos ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía no proceso de elaboración e aprobación dos seus propios PACES.
Un plan de acción para o clima e a enerxía sustentable consiste na elaboración dun inventario de referencia de emisións GEI e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático. Así, a liña de subvencións promovida pola Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, axudará aos beneficiarios a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración dos mesmos.
Deste xeito, os concellos integran á loita contra o cambio climático como unha das variables que deben ter presente na definición das súas políticas, tanto para reducir os gases de efecto invernadoiro e mellorar a eficiencia enerxética, como para adaptarse ás consecuencias derivadas do quecemento global que está a sufrir o planeta.