Corea do Norte lanzou este xoves un mísil balístico de alcance medio ou superior que caeu en augas do mar do Xapón tras percorrer 1.000 quilómetros e obrigou ás autoridades xaponesas a activar momentaneamente a alerta polo seu posible impacto arredor da illa de Hokkaido. Uns 40 minutos despois do lanzamento activouse no Xapón o sistema J-Alert que permite ás autoridades radiar advertencias en materia de seguridade cidadá de maneira simultánea a través de teléfonos, radio, televisión e altofalantes situados en cada municipio. Con todo, a alerta desactivouse minutos despois ao descartarse o risco de impacto. O mísil caeu tras ser lanzado nun ángulo moi aberto, polo que non sobrevoaría a illa xaponesa de Hokkaido, como se temía nun primeiro momento. Estas probas forman parte dos plans de Kim Jong Un de pedirlle ao seu exército que adoptase medidas máis ofensivas de disuasión tras as manobras de primavera de Corea do Sur e os Estados Unidos con varios tests de armas, incluídos os dun novo dron con capacidade nuclear.
44