Unha persoa morreu e outras catro resultaron feridas, entre elas o futbolista español do Monza Pablo Marí Villar, ao ser apuñaladas por un home nun supermercado da localidade de Assago, nos arredores de Milán, informaron medios locais. O autor, de nacionalidade italiana, foi detido pola policía, segundo as mesmas fontes, que sinalan que Marí foi trasladado ao hospital Niguarda de Milán, onde se atopa consciente e o seu estado non é grave.
O diario Gazetta dello Sport publica que o exxogador do Arsenal, do Flamengo, do Deportivo da Coruña e do Mallorca foi ferido no tórax e atopábase en compañía da súa esposa e a súa filla cando foi atacado. O suceso produciuse ao redor das 18.30 horas (16.30 GMT) cando un home de 45 anos agarrou un coitelo dos estantes dun supermercado Carrefour situado no interior dun centro comercial e comezou a apuñalar aos presentes, ferindo a cinco deles, segundo as primeiras informacións.
O falecido é un caixeiro do supermercado, de 30 anos, que morreu mentres era trasladado en helicóptero ao hospital tras varias puñaladas no tórax e no abdome, mentres que outro home de 40 anos foi tamén traslado en código vermello ao Policlínico de Milán e o catro ferido grave é un ancián de 80 anos que ingresou no hospital Fatebenefratelli. Unha muller reportou unha ferida nunha man que non necesitou hospitalización e outra de 81 anos tamén foi atendida.
Segundo as primeiras informacións, o agresor tiña problemas mentais e estaba en tratamento por unha forte depresión.