- Dous mortos en Ames, un en Ponte Caldelas e outro en Brión.
No accidente de Ames faleceu un pai e a sua filla, naturais de Santiago, tras un choque frontal de dous turismos -na imaxe-.
Todo sucedeu ao fío das 14:00 horas, á altura do desvío cara Brión, na AC-544. Un particular alertou, a esa hora, ao 112 Galicia e advertía da posibilidade de persoas atrapadas no interior dos vehículos.
A partir de aí, os xestores do 112 informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Santa Comba e de Boiro, ao GES de Brión, aos axentes de Tráfico e da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil. Tamén foron informados os Bombeiros de Santiago e o persoal do servizo de mantemento da estrada.
Foi necesaria a intervención dos profesionais do Grupo de Intervención Psicolóxica en Emerxencias e Catástrofes (GIPCE), para prestar apoio aos familiares das vítimas que faleceron no acto.
Un falecido en Ponte Caldelas
Unha hora despois, sobre as 15:00 horas, o 112 Galicia era informado doutro accidente mortal en Ponte Caldelas.
Ao igual que no caso anterior tratouse dun choque entre dous turismos que circulaban pola PO-255, a dous quilómetros aproximadamente de Caritel. Unha persoa faleceu e outra resultou ferida de consideración. Ambas tiveron que ser liberadas do interior dos vehículos polos Bombeiros.
Ademais dos Bombeiros de Pontevedra que se desprazaron ao lugar nada mais ser alertados polo 112 Galicia acudiron tamén os Servizos Sanitarios, os Bombeiros do Morrazo e a Garda Civil de Tráfico. Así mesmo, requiriuse a intervención do persoal do servizo de mantemento da estrada, que se encargou das tarefas de limpeza da vía.

O accidente de Brión ocorreu sobre o mediodía deste sábado, cando os vehículos circulaban á altura do punto quilométrico 12 da AC-543, nos Ánxeles, no concello coruñés de Brión. Foi a esa hora cando o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia recibiu a chamada dun particular, para pedir axuda.
Tras o aviso, de inmediato, os xestores do CIAE puxeron en alerta ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Xallas e aos membros do GES de Brión. Tamén foron informados a Policía Local e os efectivos de Protección Civil.
Debido á gravidade da situación, un helicóptero medicalizado do 061 tamén se desprazou ata o lugar, que trasladou a un dos feridos.
Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, tras ser liberados, os dous feridos e ocupantes do mesmo vehículo foron trasladados, un na aeronave e o outro en ambulancia ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.
