Un morto e dous feridos nunha colisión por alcance entre dous turismos en Guitiriz

1 minutes read

Unha muller de 71 anos, veciña da Coruña, perdeu a vida  e outras dúas resultaron feridas na mañá deste sábado ao colisionar por alcance dous coches na A-6, á altura de Guitiriz.

Segundo a información recollida no 112 Galicia, os Bombeiros de Vilalba interviñeron para liberar a unha das persoas accidentadas, ao quedar atrapada no interior dun dos vehículos sinistrados.

O accidente tivo lugar á unha menos cuarto á altura da parroquia de Trasparga, no punto quilométrico 529 da autovía, en sentido a Lugo. Cómpre sinalar que foi necesario interromper o tráfico nun dos carrís neste sentido da circulación, para asegurar as condicións de seguridade na zona onde tiveron lugar os feitos.

Nada máis recibir a alerta do accidente a través de varias persoas particulares, os xestores do CIAE 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Vilalba, da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da vía.