Un morto e un detido en Arteixo

1 minutes read

Un home de avanzada idade veciño do lugar de Armentón faleceu este xoves sobre as 19:20 horas ao saírse da vía co vehículo que conducía nas proximidades do seu domicilio. O accidente tivo lugar na estrada que une os lugares de A Telleira e A Corredoira, o coche, un Opel Astra, incendiouse e o home quedou calcinado no seu interior. Ao lugar do suceso acudiron os bombeiros de Arteixo, Protección Civil, a Policía Local, o servizo de Urxencias Sanitarias 061 e a Garda Civil de Tráfico que está a investigar o ocorrido.

Un detido por furto

A área de investigación do Posto da Garda Civil de Arteixo detivo a un veciño da Coruña como presunto autor dun furto no interior dun vehículo. Os feitos producíronse no aparcadoiro da praia de Barrañán, cando o propietario dun coche comunicou a desaparición dunha mochila que deixara no interior do seu turismo, contendo roupa e 17.200 euros en efectivo. Por parte dos axentes, iniciaron as investigacións dando como resultado a detención do presunto autor, que conservaba no seu poder a mochila, non sendo posible recuperar, de momento, o diñeiro en efectivo que contiña.