Unha persoa perdeu a vida e outra resultou ferida tras chocar a planeadora na que navegaban contra unha batea. Ocorreu na Illa de Arousa, tal e como relatou a persoa particular que chamou ao 112 Galicia para pedir axuda.
Foi esta mesma persoa quen, coa súa embarcación, rescatou ás vítimas e trasladounas ao peirao de Cabodeiro. Alí agardaba un operativo formado por axentes da Policía Local e profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que pouco tempo despois confirmaron o falecemento dun dos tripulantes da planeadora sinistrada.
En canto ao outro ocupante, os servizos sanitarios de urxencia prestáronlle os primeiros coidados no peirao de Cabodeiro e valoraron o seu traslado a un centro hospitalario.
Cómpre sinalar que o persoal do 112 Galicia avisou do accidente a Salvamento Marítimo e ao Servizo de Gardacostas de Galicia e pediu a colaboración dos axentes da Garda Civil. Con todo, foi a mesma persoa que alertou quen, coa súa embarcación, recolleu á tripulación e remolcou a planeadora sinistrada ata Cabodeiro.