Un motorista perde a vida e a súa acompañante resulta ferida de gravidade tras colisionar a súa moto cun camión na PO-308, ao seu paso por Poio.
Varias persoas chamaron ao 112 Galicia para solicitar asistencia urxente para o motorista e a súa acompañante, que quedaron tendidos na vía despois de producirse a colisión.
Deste xeito, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia pediron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias-061 sen que nada puidesen facer por salvarlle a vida ao home de 67 anos.
Pola súa parte, a súa acompañante de 64 foi evacuada polo equipo médico nunha ambulancia ao Hospital Montecelo. Así mesmo, o condutor do camión resultou ileso e ningún dos implicados necesitou a axuda dos equipos de rescate. Con todo, desde o 112 Galicia, informouse aos membros do GES de Sanxenxo e tamén aos voluntarios de Protección Civil da vila.
Da mesma forma, solicitouse a presenza do persoal de limpeza e mantemento da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para a retirada dos restos do accidente da vía.
