Un motorista falece e catro persoas resultan feridas de gravidade nun accidente en Vigo

Un motorista perdeu a vida e catro persoas resultaron feridas de gravidade nun accidente rexistrado na noite deste venres na PO-552, entre os puntos quilométricos 4 e 5, ao seu paso pola parroquia de Oia, en Vigo.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 23:20 horas, tras recibir varias chamadas de particulares que alertaban dun choque no que se viran implicados unha moto e dous turismos. Xa desde o primeiro momento, os alertantes advertían da posibilidade de que o motorista estivese falecido.

De inmediato, desde a sala de operacións do 112 Galicia informouse ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que ao chegar ao punto confirmou a necesidade de contar cos Bombeiros de Vigo para liberar a unha das persoas atrapadas no interior dun dos vehículos. Tamén foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil da zona.

Segundo informaron os equipos de intervención tras finalizar o operativo, o accidente produciuse cando un turismo impactou contra unha motocicleta, que posteriormente colisionou con outro coche. Como consecuencia, o motorista faleceu no lugar. Pola súa parte, as catro persoas que viaxaban no primeiro turismo tiveron que ser trasladadas con pronóstico grave, unha delas excarcerada polos Bombeiros. No segundo coche non se rexistraron persoas feridas.

Related posts

O salón de plenos do Concello de Carballo acolleu este sábado o acto de renuncia de Evencio Ferrero como alcalde

Máis de 750 beneficiarios este curso en Cabana da ampla oferta de actividades posta en marcha polo Concello

Zas | A ponte de Brandomil loce un novo aspecto grazas aos traballos de rexeneración que se están a levar a cabo