Un motorista, veciño de Ourense de 50 anos de idade, perdeu a vida na tarde deste sábado tras caer cando circulaba pola OU-540, no concello ourensán da Merca.
A alerta sobre este accidente activouse no 112 Galicia a través da chamada de varias testemuñas do suceso. Segundo a información facilitada aos xestores do 112, o sinistro tivo lugar á altura do punto quilométrico 15, ao seu paso pola parroquia da Manchica.
Nada máis ter constancia dos feitos, desde o 112 pasouse aviso ao equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que comunicou a mobilización do helicóptero medicalizado con base en Ourense ata o lugar dos feitos.
Desafortunadamente, a pesar dos esforzos dos efectivos de emerxencias, soamente se puido confirmar o falecemento do motorista.
Co fin de prestar apoio e respaldo aos profesionais sanitarios e restablecer as condicións de seguridade na vía, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia solicitouse a colaboración dos Bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos efectivos de Protección Civil de Celanova e do servizo de mantemento da estrada.