Un mozo de 20 anos faleceu este sábado despois de sufrir unha saída de vía no vehículo no que circulaba, no concello das Pontes de García Rodríguez.
Un particular chamou ao 112 Galicia para dar aviso de que ardía un coche no punto quilométrico 14 da estrada comarcal AC-101, no Freixo. De inmediato, os operadores do CIAE-112 informaron aos Bombeiros do Eume, ao GES de Ortigueira, a Protección Civil da localidade, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos servizos sanitarios.
Poucos minutos despois, xa chegados os membros do GES de Ortigueira ao punto do incendio, notificáronlle ao 112 que había unha persoa falecida na calzada que, posiblemente, saíra despedida ao sufrir unha saída de vía o vehículo que, ao final, rematou calcinado.
Ao parecer o vehículo saíuse da vía na entrada dunha curva, onde se advirte a forte freada, e saíu despedido uns cen metros atopándose o cadáver a uns dez do coche, non quedando o corpo do condutor no seu interior posiblemente ao non levar posto o cinto de seguridade, datos que se investigan.