Un mozo faleceu e outro resultou ferido de gravidade nun accidente de tráfico rexistrado en Noia. A vítima mortal é un veciño da localidade de 24 anos que conducía o vehículo, en que tamén viaxaba o seu irmán de 14, quen foi trasladado ao Hospital Clínico de Santiago de Compostela en estado moi grave.
O sinistro aconteceu arredor das 22:15 horas, hora en que o 112 Galicia recibiu a chamada dun particular alertando do suceso. No seu relato indicaba que o condutor do turismo, por causas que polo momento non transcenderon, perdera o control cando circulaba polo lugar de Carracido, na parroquia noiesa de Barro. Saiu da vía e bateu contra un coche que estaba estacionado na marxe esquerda da vía e cun poste. Como consecuencia do golpe, o condutor faleceu no acto e o outro ocupante precisaba asistencia sanitaria urxente. O 112 mobilizou efectivos do 061, Policía Local, Garda Civil de Tráfico, GES de Noia e Bombeiros de Boiro. Os servizos de emerxencias tiveron que liberar ambas as dúas vítimas.
O Concello de Noia declaraba este luns, día de Nadal, loito oficial polo accidente mortal. Nunha comunicación en redes sociais, o alcalde, Santiago Freire, e a corporación municipal expresaron o seu «máis profundo pésame á familia», tras coñecer a noticia deste sinistro.