Un nefasto terceiro cuarto tomba ao Obra en Vitoria

aloj.

Comparecía Moncho Fernández en sala de prensa, tras perder o Obradoiro en Vitoria por 83-69. Resumindo con gran clarividencia e en poucas palabras, o que provocara a derrota na capital vasca: “o que máis nos preocupaba do xogo de Baskonia era a súa capacidade de rebote no ataque e o seu contraataque a partir das perdas do rival. Vendo as estatísticas, en ambas estivemos horribles. Encaixamos 27 puntos de segundas opcións e 25 tras perdida”.

E é que Obradoiro concedeu demasiado ante o transatlántico de Euroliga de Áraba. Todo o que sabían que non podían fallar, fallárono e ante equipos deste nivel é pasaporte á derrota.

O primeiro cuarto foi de gran acerto no triplo por parte do combinado galego, o que fixo posible que se chegase ao final do mesmo con empate a 20 no electrónico. Brodziansky anotaba 2 triplos seguidos consciente do dominio interior do cadro vasco, no que Kravic tiña que bailar coas torres locais.

Xa no segundo cuarto, foi precisamente o serbio quen empezou a rebotear mellor e anotar na pintura. Ademais de manter Obradoiro un sensacional 50% en triplos. Con todo Shengelia, MVP do partido (19 puntos, 7 rebotes e 3 asistencias, para asinar un sobresaliente 33 de valoración), Polonara e Christon, eran demasiados buracos para manterse á boia. A pesar de todo, a xogada clave produciuse a unha posesión do final do segundo cuarto. Os composteláns perdían de 3 con bóla para empatar, irse perdendo de 1 punto, ou no peor dos casos, manter a distancia nun triplo. Nada máis lonxe da realidade, Magee perde o balón nun pase forzado e arriscado. Balón para Baskonia e Shengelia crava un triplo sobre a bucina. Resultado 45-39, 6 puntos de diferenza que marcaban o camiño a vestiarios. E o peor, a sensación de impotencia ante a oportunidade perdida de deixar o partido ben encarrilado para a segunda parte.

A volta de vestiarios protagonizaba Obradoiro un terceiro cuarto nefasto, especialmente malo no rebote (41 baskonistas por 28 galegos ao final do encontro). Seguían concedendo segundas oportunidades que Baskonia aproveitaba unha e outra vez, canastras directas tras contraataque e un demoledor 0-15 en triplos de parcial visitante, acabaron por cimentar a derrota compostelá.

A boa noticia foi o debut da recente fichaxe, o lituano Beliauskas, quen non callou bos minutos pero tentouno. Kostas non participou e con Álvaro Muñoz, o coach de Pontepedriña non quixo forzar, pois a competición para pola Copa e as xanelas Fiba, e non regresa ata o 1 de marzo, dando máis marxe para a súa recuperación. Acababa o terceiro cuarto 68-52. De aquí ao final só quedaba saber por cuantos puntos ía perder Obradoiro, nun último cuarto onde houbo moitas rotacións. O conxunto santiagués maquillou un pouco o resultado e acabo gañando o último parcial 15-17. Para concluír con derrota por 14 puntos.

Próxima xornada en Sar, o domingo 1 de marzo ante UCAM Murcia, tras o parón na competición. Agardamos un cheo en Santiago para pelexar por conseguir a décima vitoria e encarar o tramo decisivo da liga con forza. Presumimos unha loita moi igualada, tanto nos postos que dan acceso ao play off, como na pelexa pola permanencia.

ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO