Un lamentable último cuarto do Monbus Obradoiro selaba a súa derrota por 82-76, o pasado domingo no malacitano pavillón Martín Carpena, ante un correúdo, duro e peleón Unicaja.
E é que, mentres os 30 primeiros minutos, Obradoiro raiaba a un moi bo nivel, o último acto sentenciou aos galegos. Baste citar dúas perdas de balón de Czerapowicz, unha de Pozas e outra de Cohen, que fan un total de catro, con pick and roll e penetracións erradas. Por se isto non fose suficiente, engadímoslle dous persoais en ataque que completan a estatística negativa de xogadas tiradas ao lixo, ata as 6. A pesar de todo, a guinda ao pastel do desastre púxoa a incomprensible, por inxusta e errónea, falta persoal pitada a Robertson cando armaba brazo para tirar de 3 con 73-74 para os de Santiago. Unha falta clara de Brizuela quen caeu sobre o canadense a 4: 29 do final, resolveuse con falta do atacante. De 3 tiros libres para Robertson pasamos a balón para o conxunto local que ademais finiquita a xogada cun triplo que lle dá a volta ao marcador. Decisión arbitral durísima e golpe psicolóxico brutal, que acabou por desquiciar aos composteláns, sentenciando o partido para os homes de verde.
O partido comezaba cun ritmo endiablado e cunha participación coral excelente. MVP Birutis (23 puntos, 10 rebotes, 1 asistencia para asinar 37 unidades de valoración) dominaba a pintura ben acompañado polos triplos de Czerapowicz, Robertson e Cohen. Primeiras vantaxes visitantes no minuto 5, 10-18. Dominaba Obradoiro o rebote e controlaba o partido para pechar o primeiro cuarto 17-25.
No segundo cuarto castigaban os homes de Luís Casimiro con triplos e alta intensidade defensiva, provocando neste cuarto as perdas que os visitantes, non tivera no primeiro. Un sensacional Brizuela (21 puntos, 5 asistencia e 17 de valoración), que ao cabo sería determinante na vitoria local, tiraba de galóns. Respondía Birutis con puntos, ninguén lle paraba e se non anotaba conseguía falta persoal, 30-36 no ecuador do segundo cuarto. Axudáballe o seu compatriota, quen ata entón non estaba a atopar o seu sitio, Beliauskas, e disparábase a vantaxe compostelá a 9 de diferenza. Con todo, os últimos 3 minutos visitantes foron de perdas e erros, con Enoch (falta en ataque e perda por pisar) e Pozas (perda de balón) de ingratos protagonistas. Os de verde cheiraron o sangue e apertaron para achegarse no marcador a un só punto con Francis Alonso (17 puntos, 2 rebotes e 17 de valoración) e a ex Obra Waczynski de “primeiras vedettes” da reacción local. Resultado, 42-43 e ao túnel de vestiarios, para parar a sangría andaluza e deixar o partido practicamente no punto onde comezara.
Tras a continuación, a táctica de Unicaja centrábase en parar o “tormento lituano” axustando as axudas para pechar a Birutis. Intercambio de canastras en ambos os bandos ata que apareceu Bouitelle (11 puntos, 2 rebotes, 1 asistencia e 13 de valoración) para poñer por fin, tras moito batallar, aos malacitanos por diante, 55-53 á metade do terceiro cuarto. De aí ata o final do acto moitas faltas andaluzas e tiros libres anotados polos de Santiago. O técnico local recibía unha técnica por protestar, á que lle sacaría máximo beneficio pois aí, acabouse a visita do conxunto obradoirista á liña de tiros libres. Triplo do máximo anotador do encontro, Robertson (24 puntos, 2 rebotes, 3 asistencias e 21 de valoración) e 62-66 para pechar o acto.
O último cuarto foi un tormento para os de Santiago, e aí, fraguouse a súa derrota. Apareceu a enorme figura dun “ jugón” chamado Brizuela, que anotaba 6 puntos de saída e daba novamente a volta ao electrónico. Respondía Birutis e Oliver e chegabamos ao minuto 35 tras intercambio de triplos Robertson versus Waczynski con 71-73.
A partir de aí, as 6 perdas e unha falta inexistente pitada a Robertson, acabaron por desquiciar aos galegos. A posibilidade de sumar 3 puntos por ser en realidade falta de Brizuela sobre Kassius ao lanzamento de 3, e poder pasar de ir perdendo dun a poñerche por diante, foi un golpe demasiado duro xa, para Obradoiro. Brizuela volvía anotar un triplo e lideraba aos seus á vitoria, quen daba un paso adiante na intensidade ao verse por diante e poder amortizar os erros finais visitantes e os seus escasos puntos no último cuarto (acabaron con 10).
Vitoria andaluza por 82 a 76, pechando a semana fantástica de Unicaja, que vencía o mércores en Eurocup, arrasaba o venres en Zaragoza e repetía vitoria o domingo, tamén en liga Endesa ante un bo Obradoiro. Pola contra, os visitantes sucumbían tras 30 minutos de bo xogo, a unha dura derrota. Nun partido no que dominaron o rebote (28 locais por 31 visitantes), meteron máis triplos e con mellor porcentaxe e igualaron en asistencias, pero que claramente deixaron marchar nas perdas e, porque non dicilo, coa “axudiña” do asunto Robertson, no momento clave.
Continua Obradoiro na zona nobre con 5 vitorias e 4 derrotas, pero cada vez máis comprimido. Próxima estación, multiusos Fontes do Sar, o sábado 7 de novembro ás 18 horas, ante un temible Joventut de Badalona en plena forma. Boa ocasión para cambiar a dinámica de 2 derrotas consecutivas.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO