Carballo | Un novo accidente colapsou a Avenida de Bértoa

1 minutes read

A Avenida de Bértoa converteuse nun dos puntos quentes de concentración de accidentes este verán en Carballo. Coches, motos e peóns están a verse a miúdo implicados en accidentes, na súa maioría leves, dado que é un tramo con moita densidade de tráfico e limitado a 50 Km/ h, polo que adoitan producirse a pouca velocidade.

A zona máis crítica é a intersección desta propia vía coas rúas Abetos, Andrés Gaos e Alfonso X o Sabio. As incorporacións á travesía son realizadas nun tramo curto, en ocasións con pouca visibilidade debido a coches parados ou aparcados na beiravía da AC-552 que impiden realizar as manobras con total seguridade.

Como dicimos, trátase dun punto de confluencia de moito tráfico, máis se cabe agora no verán, dado que tamén comunica cun dos accesos á praia de Razo a través da avenida dos Abetos e coa evacuación e incorporación de todo tipo de vehículos polas rúas Alfonso X o Sabio e Andrés Gaos, en conexión en moitos casos tanto coa Avenida de Bergantiños como da Vila de Negreigra, paso obrigado de conexión con Ordes e Santiago, tratando de evadir o centro urbano ou a circunvalación pola AG-55.

Un dos últimos accidentes máis graves nese punto tivo lugar este pasado luns cun motorista como principal damnificado, ao que hai que sumarlle unha colisión que se produciu ás 17:30 horas deste mércores co resultado dunha persoa ferida leve. En todos os casos, ao ser rúas imprescindibles de conexión co polígono, a AG-55, A Coruña, Santiago, Ordes e a propia entrada ao centro urbano, adóitanse crear importantes retencións de tráfico.