A Xunta contribúe este verán á posta en valor e acondicionamento da ruta patrimonial pola Braña da Serra a través dun campo de voluntariado de nova creación, en colaboración co Concello de Santa Comba. Os once mozos participantes realizan labores medioambientais como a xestión de especies exóticas, recollida de lixo e cartografía da zona.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, acompañada do alcalde de Santa Comba Alberto Romar, visitou os participantes que proveñen de diferentes provincias a nivel nacional, que puideron explicar os traballos realizados ata o momento, como foi a recollida de testemuños da veciñanza para que poidan ser incluídos en carteis informativos que se instalarán ao longo da ruta.
Este campo de voluntariado de nova creación atópase nunha zona de altísimo valor ecolóxico que constitúe unha das uceiras húmidas atlánticas máis grandes de Galicia, encadrada nas parroquias de San Pedro de Xallas de Castriz (Santa Comba) e San Miguel de Couso (Coristanco).
Ademais dos labores medioambientais, os mozos fan unha ruta guiada coa veciñanza, colaboran co voluntariado local encargado da organización das festas, realizan obradoiros de teatro con veladas de improvisación e actividades como caiac, cestería e excursións pola natureza.