Un novo Galiverso reconstrúe coa realidade virtual a vella vila asolagada de Portomarín

1 minutes read

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou o proxecto da nova instalación de realidade virtual Galiverso. O vello Portomarín, que grazas á tecnoloxía en 3D recrea esta antiga vila luguesa, anegada pola construción do encoro de Belesar en 1963.

Román Rodríguez subliñou que a experiencia parte dun exercicio de memoria colectiva que, apoiado nas novas tecnoloxías de realidade virtual e aumentada, debuxa “unha cartografía dixital que recupera as casas e algúns dos seus edificios máis notables do concello”, como a igrexa ou o Hospital de peregrinos.

A veciñanza de Portomarín foi a primeira en colocar as lentes virtuais para volver camiñar polas desaparecidas rúas do centro da vila, unha viaxe no tempo ata o verán de 1962 que, explicou o conselleiro, foi deseñada co máximo rigor científico e a través dun amplo proceso de documentación.

As gravacións da época conservadas na Filmoteca de Galicia, as máis de 40.000 fotografías que atesoura Foto Pereira en Portomarín e a memoria dos habitantes da propia vila serviron de base para un minucioso traballo que contou coa participación de profesores da Universidade de Santiago de Compostela, expertos do Centro Infográfico Galego e especialistas en vídeo, arte en 3D, historia e programación.

Galiverso. O vello Portomarín poderá visitarse proximamente, de maneira gratuíta, tanto na localidade luguesa como tamén no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?